Nanas de amantes

As “Nanas de amantes” constitúen un grupo especial dentro dos arrolos tradicionais. Ademais de tentar adormentar o naipelo, teñen a función de advertir ó amante da nai, dunha forma disimulada, de que, en contra do previsto, o pai da criatura está na casa. A causa desta volta inesperada adoita ser o cambio no sentido e na forza do vento, que fai que a embarcación do pai teña que volver a terra. A muller comunícalle ó amante que hoxe non poden verse e aproveita para fixar unha cita para o día seguinte.

Home que estás detrás da porta cos pés na lama,
vaite de aquí, que está o pai do neno na cama.

-¿Quen é ese que anda no postigo?
- Meu maridiño deitado comigo, arrunrún.
- ¿Quen é ese que peta á ventá?
- Estache o pai do que chora na cama, arrunrún.

E esta noite non, queridiño,
que che está na cama
o pai do meniño.
Arrunrún, meniño, ee...

¡Demo do patache!
Ía “pra” Ribadeo,
deulle o vento en proa
e á casa volveu, arrúnrún.

E esta noite non,
que che está na cama
o pai do concón.
Arrunrún, meniño, ee...

E se queres algo
sáeme ó camiño
que eu de mañá cedo
hei de ir ó muíño, arrunrún.

E esta noite non, queridiño,
que che está na cama
o pai do meniño.
Arrunrún, meniño, ee...

Se non o entendiches
enténdelo agora
que che está comigo
o pai do que chora, arrunrún.

E esta noite non
que che está na cama
o pai do concón.
Arrunrún, meniño, ee...
Arrunrún, meniño, ee...

Fuxan os ventos: “Noutrora”

Este meniño que teño no colo
é dun amor que se chama Manolo.
Este meniño que teño nos brazos
é dun amor que se chama Ignacio.
Arronrón, arronrón, agora non...

Mañá á mañá
hei de ir ó muíño.
Se me queres algo
sáeme ó camiño.
Arronrón, arronrón, agora non.

Agora non,
que non está de xeito.
Está o pai do meniño no leito.
“Pra” a noite que vén
hei de ir ó muíño.
Se me queres algo
sae ó camiño.
Arronrón, arronrón, agora non.

Josefa Fernández, de Ardán: “A nosa memoria- Marín”

Arrunrún, cascarrún,
hoxe non
e mañá si.
E dálle do mar
e dálle da Ría,
que está na cama
o pai desta cría.
E dálle da Ría
e dálle do mar
e tanto lle deu
que o fixo arribar.

Agustín Bernárdez, de Ardán: “A nosa memoria- Marín”

Distribuir contido
ORELLA PENDELLA
Ditos, recitados e cancións infantís.