Animais (aparecen varios)

- Paxariño Pinto,
“cásate” coa rola.
- Esa non a quero,
que é moi picarona.
- Paxariño Pinto,
“cásate” coa “pegha”.
- Esa non a quero,
porque é branca e “neghra”.
- Paxariño Pinto,
“cásate” coa merla.
- Esa si que a quero,
que requicha a perna.

Xabi X. Xardón, de Morgade - Xinzo de Limia

Escóitao

Catro aves escollidas
son as que pasan o mar:
o cuco e mais a andoriña,
a rula e o paspallás.

M. Barrio – X. Lorenzo: “Cantigueiro...”

Na banda de alá do río,
chirivirivín, caracol, caracol,
cantaba un sapo
e no seu cantar dicía,
chirivirivín, caracol, caracol,
¡ai que te papo!.
Na banda de alá do río,

chirivirivín, caracol, caracol,
cantaba un merlo
e no seu cantar dicía,

chirivirivín, caracol, caracol,
¡ai que te quero!.
Na banda de alá do río,
chirivirivín, caracol, caracol,
cantaba un grilo
e no seu cantar dicía,

chirivirivín, caracol, caracol,
¡ai que te pillo!.

Explicación:
Vanse facendo xestos relacionados con cada animal. Pódense inventar animais novos con accións novas.

Sureño, de Vigo

O pombo e o gaio

O pombo:- Así-así, así-así, así-así
O gaio: - ¡Raio, xa que sabes “faio”!

Explicación:
Trátase do seguinte conto no que se representan os cantos destas aves: “O pombo, que non sabía facer o neal (niño), pediulle axuda ó gaio, e este aceptou. Comezou o gaio a facer o neal, mentres o pombo miraba e dicía: - Así-así, así-así, así-así. E nestas respondeulle o gaio: - ¡Raio, xa que sabes “faio”!. E é por iso polo que o pombo non sabe facer o niño”.
Gaio: Paxaro da familia dos corvos, máis pequeno ca estes, de cor marrón clara con partes azuis, negras ou brancas e cunha especie de carapucha de plumas sobre a cabeza. SIN. pega marza.

Prados de Bullán- Quintá de Cancelada - Becerreá

“José” Paté,
colle o porco polo pé,
a “ghaliña” polo rabo
e tira “Josesiño pa” o mercado.

Ana de Vilariño (Poio)

Xan do Outeiro ten un can
que lle chaman Capitán.
Tamén ten unha cadela
que lle chaman Micaela.
Tamén ten un boi
que lle chaman Turroi.
Tamén ten un gato
que lle chaman Escribano.
Tamén ten un galo
que lle chaman Santiago.
Tamén ten unha galiña
que lle chaman Mariquiña.
Tamén ten unha ovella
que lle chaman Cotorella.

M. Barrio - J. Pérez Ballesteros: “Cancionero...”

Teño unha pita podeira
que pon tres ovos ó día,
mais se me puxera catro
mellor conta me faría.
Xa me daban polo pico
un sobío moi bonito.
Xa me daban polo papo
unha caixa de tabaco.
Xa me daban polas plumas
un cento e medio de agullas.
Xa me daban polas pernas
unhas mangas ben marelas.
Xa me daban polo rabo
unha besta e un cabalo.
Xa me daban polo pelo
unha vaca e un becerro.
Xa me dabna polo fel
a filla do coronel
Xa me daban pola crista
un cabalo realista.
Ou, pita que tanto vales,
heite levar ó convento
para que digan os frades
“galo fóra e pita dentro”.

M. Barrio –Seminario de Estudos Galegos: “Vila de Calvos de Randín...”

En marzo
eu nazo.
En abril
estou no cubil.
En maio
xa saio.
En San Xoán
xa fuxo ó can.
En Santa Mariña
xa pillo a galiña.
E en agosto
xa son bo raposo.

M. Barrio - A.M. de la Iglesia: “El Idioma Gallego”

En abril están no cubil,
en maio, co pai ó lado,
en San Xoán xa lle dan a carreira ó can,
en Santa Mariña xa matan a cabritiña
e en agosto tiran o boi ó pozo.

(Os lobos)

M. Barrio - Laureano Prieto:”Notas etnográficas sobre animales domésticos y salvajes de La Gudiña (Orense)”.

- ¿Quen son aqueles tres mozos
que van por aquel portelo?
- O lagarto e mais o sapo
e mais o escaravello.

M. Barrio - M. Fabeiro Gómez: “Cancioneiro”.

Encántame o d echiriví caracol caracol

Pero.... cal é a melodía.

melodia

Ponte en contacto con AGXPT, teñen unha paxina web, e seguro que che resolven o problema.

CHERIVIRIVIN CARACOL

cal é a web ? que significa Agxpt

Asociación Galega de Xogo popular e tradicional

As siglas corresponden á Asociación Galega de Xogo popular e tradicional http://www.agxpt.org/

O teu dito en orella pendella

Boletín Orella pendella

Recibirás un correo cando actualicemos o contido.

Iniciar sesión