Para aloumiñar
¿Esta leira é túa?
- ¿Esta leira é túa?
- É.
- ¿E esta?
- Tamén.
- Pois... ¡arrinca este marco!
Explicación:
O adulto colle entre os seus dedos indicador e medio as fazulas (leiras) do/a neno/a. Primeiro unha e despois a outra. Cando di “¡arrinca este marco!” fai coma quen que lle arrinca o nariz cos devanditos dedos e introduce entre eles o seu propio pulgar.
Comentario:
A orixe deste dito está ligada á distribución e ó valor tradicionais da propiedade da terra en Galicia.
Esta testa “testaruda” (varias versións)
Esta testa “testaruda”.
Este ollo, irmán deste.
Este nariz, naricete.
Esta boca pide pan.
Este queixo queixarete.
¡Eira polo cabalete!
Explicación:
No último verso fai coma quen que lle arrinca o nariz.
A nosa memoria- Marín
Esta testa testalán
Esta testa testalán,
estes ollos pete, pete,
este “narís narisán”,
esta boca pide pan,
este queixo queixolán.
¡Turra polo capitán!
Explicación:
Isto fáiselle a un meniño, tocándolle a parte da cara conforme se vai citando, e ó final, no de “¡Turra polo capitán!”, tíraselle do pelo por riba da testa.
Ana do Barbanza
Orella pendella, vai á leña
Orella pendella,
vai á leña,
se non vés de hora,
durmirás fóra
cos canciños
da túa dona.
M. Barrio - Revista Nós: “Arquivo...”
Orelliña, vai á leña (varias versións)
Orelliña verde, vai a leña.
Sei non vés de hora
durmirás fóra
e mirarás por un buratiño
a ver se che dan un bocadiño.
¿Isto que son orellas ou campás?

- ¿Isto que son orellas ou campás?
- Campás.
- As campás hai que tocalas ¡Din, dan! ¡Din,dan!
- ¿Isto que son orellas ou campás?
- Orellas.
- As orellas hai que comelas ¡Ñam, ñam, ñam, ñam!
Explicación:
O adulto pregúntalle ó/á neno/a mentres lle colle as orellas coas mans. Se a resposta é “campás” abanéalle a cabeza (din,dan). Se a resposta é “orellas” fai coma quen que llas come. Primeiro unha e despois a outra.
As cabras de Xan Barbeiro
As cabras de Xan Barbeiro
todas van por un raseiro;
unhas brancas e outras negras
e outras monas das orellas.
M. Rico: “Tantarantán...”
Polo curral do tío Pedro
Polo curral do tío Pedro
pasa o can do tío Miguel
cunhas polainas repenicadas,
repenicadas de papel.
Explicación:
Igual que nas anteriores pero cando di “repenicadas” repenícase coa orella coma se fose unha campá.
Palma, repalma (varias versións)

“chica” morena.
¿Como a queres,
grande ou pequena?
- Grande
- ¡Pumba!
- Pequena
- ¡Tin!
Explicación:
Mentres recita os catro primeiros versos, o adulto fai círculos co dedo indicador na palma do/a neno/a. Se a resposta é “grande” dálle unha palmada na man. Se a resposta é “pequena” dálle unha palmadiña moi lene ou coa puntiña do dedo no medio da manciña.
Manxurriña, manxurriña
Manxurriña, manxurriña,
come pan e pataquiña
e se lle parece pouco,
un touciño e cacho doutro.
¿Viches o gato no unto?
¡Pun, que te apunto!
Explicación:
Recítase facéndolle cóxegas á nena/o na man, e cando remata o recitado dáselle co dedo na barriga para que leve un susto.
Susana (Recollido na Mariña Luguesa)


Comentarios recentes
hai 4 semanas 4 días
hai 8 semanas 3 días
hai 8 semanas 4 días
hai 10 semanas 20 horas
hai 13 semanas 2 días
hai 22 semanas 2 días
hai 23 semanas 6 días
hai 25 semanas 2 días
hai 26 semanas 6 días
hai 27 semanas 5 horas