A cara

Para aloumiñar a cara

Este bico bicolán

NovoEste bico bicolán.
Esta boca come pan.
Este ollo pirulete.
¡Arráncate cabalete!

Puchinocativo, de Cervo

Este queixo queixo é

Este queixo queixo é.
Esta boca come pan.
Este ollo reberete
e este outro seu irmán.
¡Tira, “ghabilán”!

A nosa memoria- Marín

Té, chocolate, café

Té,
chocolate,
café,
para San Xosé,
que está maliño dun pé.

Explicación:
A función do dito é acariñar o/a meniño/a a quen se lle di: “Té” (o adulto acaricia a cara do rapaz coas dúas mans), “chocolate” (acaricia a súa propia) e así alternativamente.

Esperanza, de Ferrol

Miña boca que te abres

Miña boca que te abres
con ganiñas de te abrir,
ou é sinal que tes fame
ou é que tes que durmir.

Explicación:
Cando ó neno se lle abre a boca por sono, fánselle cóxegas nos beizos ó tempo que se lle di o recitado.

Cortizas, Antón: ”Chirlosmirlos...”

Aperta, aperta

Arrocha, apreta,
corazón de “manteca”.

Mos

Este olliño pimpilín

EscóitaoEste olliño pimpilín.
Este olliño pimpilán.
Este nariz narizán.
Esta boca pide pan.
Este queixo non llo dá.
¡Arríncate, cabalán!

Este queixo queixolán (varias versións)

Este queixo queixolán.
Esta boca pide pan.
Este “naris narisete”.
Este ollo revirete.
Este outro seu rimán.
¡Arriba, “ghabilán”!

Concha, de Cantodarea: “A nosa memoria- Marín”

¿Esta leira é túa?

Escóitao- ¿Esta leira é túa?
- É.
- ¿E esta?
- Tamén.
- Pois... ¡arrinca este marco!

Explicación:
O adulto colle entre os seus dedos indicador e medio as fazulas (leiras) do/a neno/a. Primeiro unha e despois a outra. Cando di “¡arrinca este marco!” fai coma quen que lle arrinca o nariz cos devanditos dedos e introduce entre eles o seu propio pulgar.
Comentario:
A orixe deste dito está ligada á distribución e ó valor tradicionais da propiedade da terra en Galicia.

Esta testa “testaruda” (varias versións)

Esta testa “testaruda”.
Este ollo, irmán deste.
Este nariz, naricete.
Esta boca pide pan.
Este queixo queixarete.
¡Eira polo cabalete!

Explicación:
No último verso fai coma quen que lle arrinca o nariz.

A nosa memoria- Marín

Esta testa testalán

Esta testa testalán,
estes ollos pete, pete,
este “narís narisán”,
esta boca pide pan,
este queixo queixolán.
¡Turra polo capitán!

Explicación:
Isto fáiselle a un meniño, tocándolle a parte da cara conforme se vai citando, e ó final, no de “¡Turra polo capitán!”, tíraselle do pelo por riba da testa.

Ana do Barbanza

Distribuir contido

Migallas Teatro

O teu dito en orella pendella

Navegación

Boletín Orella pendella

Recibirás un correo cando actualicemos o contido.

Iniciar sesión