Para xogar coas mans
Man morta,
ábreme esta porta.
¿Onde vai o cura?
Vai nas perdices
¿E onde as bota?
Na cesta rota.
¿E con que as tapa?
Coa capa.
Esta é a noite,
este é o día,
este é o cu
da tía María.
Explicación:
O adulto colle a man do/a neno/a, que deberá estar aberta. Logo vai recitando a lengalenga ó tempo que alterna a man póndoa de palma cara arriba e de palma cara abaixo. No último verso dará un amago de azouta no cu do/a neno/a. Tamén se pode facer coa propia man do adulto.
Cortizas, Antón: ”Chirlosmirlos...”
Pon, pon, pon
a lancha de Beceiro,
pon, pon, pon
vira patas “pra” arriba,
pon, pon, pon,
cargada de carbón,
pon, pon, pon,
na ría de Ferrol.
Explicación:
Cando se di: “Pon, pon, pon” dánselle toques co dedo na palma da man do/a neno/a, no resto dos versos fánselle cóxegas tamén na man.
Cortizas, Antón: ”Chirlosmirlos...”
- Cu, cu.
- Tapa o cu
- Tápao “tu”,
tápao “tu”,
tápao “tu”.
Explicación:
Cando canta o cuco fáiselle o eco. O cuco di: “Cu, cu”, a persoa responde: “Tapa o cu” e o cuco retrúcalle: “Tápao tu, tápao tu, tápao tu”.
Ramón de Foz - Mariña Luguesa
Cinco lobiños ten a loba
brancos e negros detrás da “escoba”.
Cinco quería, cinco criaba
e a todos os cinco tetiña lles daba.
Explicación:
O adulto abanea a man cos cinco dedos estendidos diante do/a neno/a para que imite o aceno.
A pon, pon.
A pon, pon,
diñeiriño no bulsón.
Búscao aquí,
búscao alí.
O diñeiro está aquí.
Explicación:
O adulto fai que o/a neno/a forme unha cavidade coa palma dunha man e, coas puntas dos dedos da outra man xuntos en forma de piña, dálle golpiños na cavidade ó tempo que recita.
M. Barrio - Eladio Rodríguez: “Diccionario...”
Ditos, recitados e cancións infantís.



![Logotipo de facebook [Clic para acceder á nosa páxina]](http://www.orellapendella.org/themes/foliage/facebook.png)
![Logotipo de twitter [Clic para acceder á nosa paxina]](http://www.orellapendella.org/themes/foliage/twitter.png)
Comentarios recentes
hai 1 semana 1 día
hai 1 semana 1 día
hai 1 semana 3 días
hai 3 semanas 3 días
hai 3 semanas 3 días
hai 7 semanas 6 días
hai 8 semanas 21 horas
hai 10 semanas 3 días
hai 13 semanas 1 día
hai 13 semanas 6 días