Recitados dialogados
¿Queres caldo, Bernaldo?
- ¿Queres caldo, Bernaldo?
- Non, señor, que me escaldo.
- ¿E queres touciño?
- Non, señor, que me pela o “fuciño".
Manuel Cabada Castro, de Sabucedo (recollido de Angelita Obelleiro)
Abre os olliños, Xan
- Abre os olliños, Xan,
que che vén Deus a ver,
coa cunquiña de sopas.
- ¡Veña Deus ou veña o Diaño,
eu os ollos non os abro!
Explicación:
Este recitado dialogado utiízase para espertar os/as nenos/as polas mañás.
Mª Carmen Armental, de Boiro
¿Onde está o gatiño?
- ¿Onde está o gatiño?
- Na ventaíña.
- ¿E que come?
- Pan e sardiña.
- ¿Imos a un preito?
- ¡Co rabo dereito!
Explicación:
O diálogo faise entre dous e ó final sopran un cara ó outro a ver quen sopra máis. Se se fai con nenos/as moi pequenos hai que soprar de "mentiras" para non magoalos.
Rosa, de Vilanova de Arousa
Poporroutou (versión do “tantarantán”)
- Poporroutou, ¿onde vas vella?
- Poporroutou, a Pontevedra.
- Poporroutou, ¿para que vas?
- Poporroutou, a buscar o sal.
- Poporroutou, ¿para que é o sal?
- Poporroutou, para facer as papas.
- Poporroutou, ¿para que son as papas?
- Poporroutou, para “darlle” ós labregos.
- Poporroutou, ¿para que son os labregos?
- Poporroutou, para plantar o millo.
- Poporroutou, para que é o millo?
- Poporroutou, para “darlle” ás galiñas.
- Poporroutou, ¿para que son as galiñas?
- Poporroutou, para poñer os ovos.
- Poporroutou, ¿para que son os ovos?.
- Poporroutou, para darlle ó cura.
- Poporroutou, ¿para que é o cura?
- Poporroutou, para dicir a misa.
- Poporroutou, ¿para que é a misa?
- Poporroutou, para ir ó ceo.
- Poporroutou, para que é o Ceo?
- Poporroutou, para darche... “esto” (un croque).
Explicación:
Esta versión remata cunha sorpresa en forma de golpiño na cabeza para que o/a neno/a pare coas preguntas. Cando se di a onomatopea “poporroutou” equivalente ó “tantarantán” ou ó “touporroutou” das outras versións, pódese reforzar o ritmo golpeando coas mans na barriga, a modo de pandeiro.
Jana de Riveira - Barbanza
¿Que hai por dentro?
-¿Que hai por dentro?
- Pan barolento.
- ¿Que hai por fóra?
- Pan de Riola.
- Vamos tocar un pouquiño a “funfurriñola”.
O que ría leva na cachola.
Explicación:
Os/as participantes no xogo xuntan os puños mentres se recita. Despois cadaquén fai xirar os seus puños un sobre o outro ó tempo que emite un son “mmmm”. Perde quen ri primeiro.
Zé Pomar de Cariño
Touporroutou
- Touporroutou, vou para Roma.
Touporroutou, por unha corredoira.
- Touporroutou, ¿que vas buscar?
- Touporroutou, unha presa de sal.
- Touporroutou, ¿para que é o sal?
- Touporroutou, para botarlles ás verzas.
- Touporroutou, ¿para que son as verzas?
- Touporroutou, para botarlle ó caldo.
- Touporroutou, ¿para que é o caldo?
- Touporroutou, para botarlles ás galiñas.
- Touporroutou, ¿para que son as galiñas?
- Touporroutou, para poñer ovos.
- Touporroutou, ¿para que son os ovos?
- Touporroutou, ¡para comelos todos!.
Explicación:
Xeralmente, nestes recitados dialogados, o/a neno/a fai as preguntas e a persoa adulta responde. Reprodúcese a curiosidade natural dos/as nenos/as por saber para que serven as cousas. É frecuente que rematen cunha exclamación coa que o adulto, xa canso, intenta poñer fin á restra de preguntas. O ritmo, claramente marcado pola onomatopea “touporroutou”, é o propio das pandeiradas tradicionais de Galicia.
Tantarantán

- Tantarantán, ¿para onde vas vella?
- Tantarantán, vou para Pontevedra.
- Tantarantán, ¿que vas buscar?
- Tantarantán, unha carga de sal.
- Tantarantán, ¿para que é o sal?
- Tantarantán, para facer o caldo.
- Tantarantán, ¿para que é o caldo?
- Tantarantán, para “llo” dar ás vellas
- Tantarantán, ¿para que son as vellas?
- Tantarantán, para sachar o millo.
- Tantarantán, ¿para que é o millo?
- Tantarantán, para “llo” dar ás churras.
- Tantarantán, ¿para que son as churras?
- Tantarantán, para poñer os ovos.
- Tantarantán, ¿para que son os ovos?
- Tantarantán, para llos dar ó crego.
- Tantarantán, ¿para que é o crego?
- Tantarantán, para dicir a misa.
- Tantarantán, ¿para que é a misa?
- Tantarantán ¡para subir ó Ceo!
Explicación:
Neste recitado, moi semellante ó “Touporroutou”, pódese apreciar claramente a transmisión da relación tradicional entre o clero e os labregos. As vellas están nos primeiros chanzos da pirámide traballando a terra para que finalmente os ovos, mantenza antigamente moi valiosa, alimenten o crego, que as conducirá á Salvación.
¿Que hai naquel tellado?
- ¿Que hai naquel tellado?
- Un gato esfolado.
- ¿Que hai naquela artesa?
- Unha vella tesa.
- ¿Que hai naquela escaleira?
- Unha vella peideira.
- ¿Que hai naquela buratiña?
- Unha campaíña.
- ¿E como fai?
- Tin, tilintín, tin, tilintín, tin.
Explicación:
Neste recitado temos un exemplo de contidos un tanto irreverentes, que se dan con frecuencia nos ditos infantís de tradición oral e que contribúen á súa finalidade cómica.
Puño puñete (varias versións)
-¿Que hai aí dentro?
- Pan balorento.
-¿E por fóra?
- Pan de miola,
o que “se ría” non xoga.
Tece, tece, meu caraveliño,
tece, tece, para un neto de viño.
Explicación:
Neste caso, ó rematar coa montaña de puños, cada xogador cruza os dedos das dúas mans, xira os escachapiollos un arredor doutro e fitando ós ollos do contrincante, canta a última parte (tece, tece...) ata que un dos dous perda ó rir.
Mónica, da Terra Chá
¿Que é este?
- ¿Que é este?
- Arca cerrada.
- ¿Que ten dentro?
- Masa amasada.
- ¿Quen a amasou?
- Un ratiño co rabo da aixada.
- Vamos debandar
que o que máis ría
máis ha de pagar.
M. Barrio - Cuevillas: “Parroquia de Velle”. Seminario de Estudos Galegos.


Comentarios recentes
hai 11 horas 17 seg
hai 3 semanas 5 días
hai 7 semanas 3 días
hai 7 semanas 4 días
hai 9 semanas 23 horas
hai 9 semanas 1 día
hai 11 semanas 4 días
hai 12 semanas 2 días
hai 21 semanas 2 días
hai 23 semanas 55 min