Serra comadre (varias versións)

Serra comadre,
serra compadre
na madeiriña
do señor abade
a xornal, a xornal,
a xusta, a xusta, a xusta.

Explicación:
Cóllese o/a neno/a no colo agarrándolle as mans e balanceandoas cantamos a canción. Ó chegar “a xornal” o balanceo faise amodo e cando é “a xusta” faise moi rápido.

Mary, de Cospeito

Serra comadre,
serra compadre,
a madeiriña
do señor abade.
Ti por arriba
eu por abaixo
faremos cartos
coma terra,
coma terra,
coma terra.

Mariuxa, de Vilalba

Serra comadre,
serra compadre,
na serreiriña
do señor abade
Ti polo pau
e eu pola serra.
Tira que tira,
serra que serra.

Marga, da Estrada

Serra compadre,
serra comadre
na madeiriña
do señor abade.
Tu coa lima
eu coa serra
gañaremos
diñeiriño
coma terra.

Muíños

Serra comadre,
serra compadre
na madeiriña
do señor abade.
Señor abade,
vaia con “dios”,
que a madeiriña
serrámoslla nós.

X. Costas. Luou - Teo

Serra comadre,
serra compadre
nas maceiriñas
do señor Abade.
“Tu” coa serra,
eu co serrón.
Veñan cuartos
ó meu bolsón

Noemi de Allariz

ORELLA PENDELLA
Ditos, recitados e cancións infantís.