Sobre Orella Pendella

Sobre Orella Pendella, colaboracións e reseñas nos medios
Logotipo de Tíralle da lingua

Carlos Yus responsable de contidos de Orella deu unha charla sobre a páxina nas XI xornadas de expresión oral organizadas pola AS-PG, dentro do proxecto “Tíralle da língua”.

A intervención, o pasado 20 de novembro no museo do pobo galego, contou coa asistencia de numeroso público, interesado en coñecer a nosa tradición oral e poder transmitirllela ós nenos e nenas.

Orella pendella en Lingua de amor

Lingua de Amor é un proxecto do Consello da Xuventude de Galicia que naceu no ano 2007 co fin de normalizar e dinamizar a lingua e a cultura galegas entre os mozos e mozas deste país. Xestionado polo Servizo de Normalización Lingüística do Consello da Xuventude de Galicia, a páxina Lingua de Amor pretende fomentar e divulgar a nosa lingua e cultura entre a mocidade galega.

Portada da guía O noso Nadal, galego e verde

Orella pendella colabora coa guía do Consello da Xuventude de Galicia para vivir un Nadal integramente en galego e respectuoso co medio.

Coa edición da guía O noso Nadal, galego e verde o CXG pretende animar a todas as persoas a vivir un Nadal propio, autóctono e a gozar destas datas, xunto coa xente que queremos, respectando o medio e as tradicións, porque Galicia é unha terra hospitalaria, amigable, galega e verde grazas ás súas xentes que século tras século souberon gozar da súa terra dun xeito san e natural, respectando as súas orixes e peculiaridades.

Entrevista na radio galega a Carlos Yus, responsable de contidos de Orella pendella. Fálase dos obxectivos da páxina, a indispensable colaboración dos visitantes e os novos proxectos para orella pendella. Escoitar (MP3 14,5 MB)

Ben falado! É un microespazo de cinco minutos diarios dedicados á lingua galega, dirixido e presentado polo académico e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal. Ver o programa.

Logotipo de Orella Pendella

Con esta páxina queremos difundir a literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI.

Na lingua galega hai infinidade de ditos, recitados, cancións, etc. que acompañaron desde hai séculos as brincadeiras dos/as nenos/as ou as relacións entre os membros maiores da familia e os máis pequenos.

Distribuir contido
ORELLA PENDELLA
Ditos, recitados e cancións infantís.